jueves, 4 de junio de 2009

Morales 2010

SOLICITUDE Á
REAL ACADEMIA GALEGA
para que o
Día das Letras Galegas 2010
lle sexa
concedido ao poeta

ANTONIO FERNÁNDEZ
MORALES
(Astorga, 17-09-1817 - Cacabelos,
15-08-1896)


autor de

Ensaios poéticos en
dialecto berciano

(León, 1861)





VIDA E SIGNIFICADO DE

ANTONIO FERNÁNDEZ MORALES




ANTONIO FERNÁNDEZ MORALES
(Astorga, 17-09-1817 - Cacabelos, 15-08-1896)

Naceu en Astorga en 1817 pero de cativo levárono a vivir a Cacabelos, onde o pai puxera farmacia. Criouse en Cacabelos e nas súas rúas e veigas, cos outros nenos das ribeiras do Cúa, aprendeu a falar galego. En 1835, con 17 anos, comezou a carreira militar por infantería. Axiña mostrou as súas inclinaciois progresistas e liberais. Entre 1841 e 1845 estivo destinado en Tui, nos anos previos ao levantamento de 1846. Isto leva a afirmar a Anxo Angueira, gran coñecedor da obra deste autor (2003:46):

«Se vivise en Galicia estaría sen dúbida co levantamento provincialista de 1846. O noso poeta, pois, seguiu os mesmos pasos políticos cós precursores da súa xeración e os grandes mestres do Rexurdimento (Pondal, Rosalía e Curros) á beira dos cales, desde o noso punto de vista, cómpre situalo.»

En xullo de 1868, como Tenente Coronel, participou moi activamente na “Gloriosa”, que provocou a caída de Isabel II. Por accións en combate foi ascendido a Coronel. Tivo diversos destinos e ascensos e foi gobernador militar de varias provincias españolas (melloras sempre coincidentes cos períodos democráticos).
En 1872 foi elixido deputado pola provincia de Vilafranca do Bierzo nas filas do Partido Radical, cando Valdeorras e o Bierzo eran a mesma provincia. En 1896 faleceu en Cacabelos, aos 79 anos, e foi enterrado no cemiterio da Hedrada, onde hoxe permanecen os seus restos.

Foi un militar liberal, moi comprometido co movemento antiabsolutista, gran defensor da razón, do progreso, das ciencias e da industrialización, sobre todo da súa terra berciana. Foi un escritor amante da lingua e os costumes populares bercianos e asemade un home culto e ilustrado, gran coñecedor da cultura clásica e humanística.
A súa vida e obra son aínda hoxe case completamente descoñecidas en Galicia, polas razóns que explica Anxo Angueira (2003: 29-30)

«...só a inicial escasa difusión en Galicia, debida sen dúbida ó ’exilio’ cultural e político en que viu luz, e a pésima interpretación que dela se fixo (...) privaron esta obra de ser considerada un dos grandes alicerces do sistema literario galego. Negándolle isto negóuselle tamén todo o poder simbólico que a obra tiña, e claramente aínda ten, contra a partición do territorio lingüístico e cultural galego que padecen, máis duramente, as franxas estremeiras...»
Tamén Antón Santamarina Fernández (1996:43-44) reparou neste inxusto esquecemento ou minusvaloración da obra de Morales. Non a sitúa á beira das tres coroas poéticas do XIX pero si que a equipara á doutros autores galegos contemporáneos como Pintos ou Camino:

«O libro máis xeneroso é o de Carballo, que lle dedica dúas páxinas e media, das cales máis dunha terceira parte se emprega en comenta-las formas dialectais que usa. Por iso a miña sorpresa foi grande cando tropecei cos Ensayos poéticos en dialecto berciano e vin que a súa cualidade literararia pode andar equiparada á de bastantes outras obras de autores galegos contemporáneos (como Pintos, Antonio de la Iglesia, A. Camino...), cos que as historias da literatura son galega son bastante xenerosas (...)
E a verdade é que merecia alguha atención máis, non só polo seu mérito literario senón tamén pola iniciativa mesma de ter escrito versos en galego, que seguramente naquela época non obedecía a impulsos moi diferentes ós que animaron a Añón, ou a Pintos, ou ós de la Iglesia, ou a López de la Vega ou a tantos outros.»

A vida e obra de Fernández Morales deberían ser obxecto de estudo demorado. Contamos co seu expediente militar (folla de servizos) facilitado polo Arquivo Militar de Simancas, contamos con algúns documentos administrativos en poder do Concello de Cacabelos, pero nada sabemos da súa actividade político-literaria durante a súa estadía en Galicia (1841-1845), da súa actividade política nas filas do liberalismo español, da súa actividade parlamentaria como deputado do Partido Radical pola provincia de Vilafranca nin outras moitas facetas da vida pública na que estivo implicado este militar liberal. É dicir, a súa vida e obra dan aínda para unha rica
descuberta investigadora.

OBRA EN GALEGO DE

ANTONIO FERNÁNDEZ MORALES


Entre 1855 e 1864 estivo destinado en León, onde participou nas tertulias da revista El Esla e publicou nela artigos e pezas literarias.

En 1860 alumeou nesta revista o seu primeiro poema en galego: “O fiandón d’a aldea”,como anuncio do que será a súa gran e única obra en galego: Ensaios poéticos en dialecto berciano (León, 1861), un ano antes có Albun de la Caridad (1862) e dous anos antes cós Cantares Gallegos (1863) de Rosalía de Castro. Segundo Angueira (2003:47):

«Antonio Fernández Morales, nos seus Ensaios poéticos en dialecto berciano, por riba da inigualable riqueza antropolóxica e lingüística, entregoulle un dos máis grandes monumentos á nosa Historia da Literatura e o mellor canto que coñezamos ás terras do Bierzo.»

Os Ensaios poéticos de Morales son 6000 versos en galego distribuídos en 17 poemas de desigual extensión. Un deles (o poema dialogado “Cuento satírico”) é bilingüe; se non fose por este, os Ensaios poéticos serían o primeiro libro monolingüe do Rexurdimento galego.

Antón Santamarina (1996:48) trata tamén precisamente destes aspectos:

«Cando se reedite o Ensayo e se prologue debidamente, quen o faga non vai poder deixar de comparar esta obra (á parte das que mencionei) coa de Pintos pois hai bastantes paralelos formais e temáticos. Como saben A gaita gallega é un poema bilingüe no que o tamborileiro fala en castelán e o gaiteiro en galego (como estratexia, segundo parece, para a aprendizaxe do galego); filoloxismo á parte, igual sucede no "Cuento satírico" co que se enceta o libro de Morales (pp. 23-170); na nota inicial xa se aclara: "A fin de facilitar (...) la comprensión de las sucesivas composiciones en
subdialecto berciano (...) me ha parecido conveniente dialogarlo con el castellano en este cuento satírico". Igualmente, Pintos, é autor dalgún poema narrativo enorme "Contos da aldea que parecen historias da vila ou historias da vila que parecen contos da aldea" publicados no Album del Miño (1858). As historias son completamente dispares pero os ambientes e a forma cos dous poemas teñen unha semellanza moi notable. Hai moitos outros poemas narrativos na literatura galega da época, algúns deles chegaron a ter unha fama ben merecida como é o caso de "A Virxe do Cristal" de Curros. Debía de estar no gusto da época (lembrar que tamén Zorrilla, contemporáneo rigoroso de Morales, escribía "El Cristo de la Vega"; e así centos de casos).»
Os Ensaios poéticos contein poesía paisaxística, costumista, relixiosa, satírica, crítica e ideolóxica, alternando –segundo os poemas-, a métrica popular coa versificación culta. Di Angueira (2003:45):

«Unicamente lírico nos poemas de fondo relixioso, solemne nas oitavas, teso na caza maior, Fernández Morales é un poeta maiormente narrativo, un poeta de fiandón, contador de longas historias, pintor de exuberantes cadros populares sabiamente enleados, que co seu humor, non exento de ironía e choscadelas críticas, e a súa sabiduría, cativa e engaiola o auditorio. Poesía pública, pois, que irrompe na ágora literaria e social dándolle tanta vida como dignidade a unha lingua e unha cultura.»

A lingua dos Ensaios poéticos é propositadamente a lingua do Bierzobaixo de mediados do século XIX, o “subdialecto berciano” (sic) usado polas clases populares. Sobre a lingua de Morales escribiu Rosario Álvarez Blanco (2003:107): «Fernández y Morales logrou o seu obxectivo de nos transmitir, nos seus Ensayos Poéticos un espléndido retrato do galego berciano da súa época, moi semellante polo demais ó que aínda hoxe se fala no mesmo territorio.»
A riqueza lingüística de toda a obra de Morales é algo que valoran todos os que se
achegan á súa obra. Hai castelanismos léxicos (os que usa o pobo) pero hai sobre todo unha riqueza léxica impresionante. De feito Morales ao final do seu poemario introduce un glosario riquísimo de voces bercianas (e quen di bercianas di tamén valdeorresas). Di Rosario Álvarez (2003:108)

«Advírtese nel, tanto na gramática coma no léxico, un compromiso firme de ser fiel á lingua espontánea da comarca, o que o leva a non falsea-la realidade á procura do que ‘deberá ser’. Con certeza non se lle oculta que certas formas son castelanismos, mais non por iso deixa de usalas suplantándoas polas que podería considerar máis correctamente galegas ou bercianas. Esa obxectividade e imparcialidade, propias dun naturalista, confírenlle aínda máis valor ó seu testemuño.»


Velaquí unha mostra de dous textos diferentes: en primeiro lugar un fragmento do poema “A meu bon amigo D. Mariano Cubí y Soler” (filólogo e frenólogo catalán, científico procesado polos tribunais eclesiásticos, que foi quen animou a Morales a
compoñer poesía en galego do Bierzo):


Deixa q’o cego fanatismo dando
Eses berridos contra a ciencia chegue
D’a gran frenología, é que botando
D’a boca espuma á seu furor se entregue.
Apóstol d’ a verdá! Déixa q’ o bando
D’o escurantismo sua existencia negue,
Q’os que para ver y oír, ollos y orellas
Teñan, tua ciencia admirarán á fellas.
E mais que diga a torpe hipocresía
Q’as tuas doctrinas, noble pelegrín,
Estenden entre os homes a herejía,
Non teñas pena, sigue ese camín
Q’ aló dereito á eternidá te guía.
A frente érgue d’o espacio hasta o confín
É con lástima mira os envidiosos
Q’os talois d’os teus péis morden rabiosos.


E en segundo lugar un fragmento dun poema narrativo de tipo popular, “A Vilafranca”:


Piramidáis medéiros d’herba é palla
D’os campeliños é d’o campo todo
Un pueblo novo fáin ‘n a sega é malla,
D’un muy vistoso campamento a modo.
O mesmo a moza ailí ‘n a mies traballa
Q’o robusto rapaz; é decir podo
Q’as mozas báixan y erguen os séus mallos
O mesmo que si foran de bangallos.
Regan o campo as presas d’os muhiños
E baña a villa un río que, por téito,
Guirnaldas ten d’ huméiros, sangubiños,
Agavanzos, salguéiros y algún fiéito.
Resvala seus cachóis cristaliños
D’ arenas d’ oro por un blando léito
Onde nadan os péixes, corren múitas
Anguías é brincan fora d’a agua as trúitas.
Entre as debesas, en q’as eguas corros,
Pra defenderse, fáin, d’as dentelladas
D’os múitos lobos, y onde van d’os zorros
Fuxindo as pobres lebres apuradas,
Xíbrian os estorniños é cochorros;
Rulan as rolas, q’ andan en bandadas,
Gorxéa o pardillo á par d’ os reiseñores
Y as barburetas dan bicos ‘n as flóres.




A REIVINDICACIÓN

E REHABILITACIÓN DE


ANTONIO FERNÁNDEZ MORALES

Anualmente, polas Letras Galegas e desde 2002, as asociacións bercianas (e tamén
doutras terras galegófonas) de defensa da lingua rendémoslle unha homenaxe
poético-musical perante a tumba súa que remata cun xantar xa coñecido como
“Banquete de Cacabelos”. O certame literario anual do Concello de Cacabelos leva
o nome deste berciano universal.

O Concello de Cacabelos e moitas outras institucións e asociacións bercianas xa se teñen dirixido en anos anteriores á RAG solicitando a concesión do Día das Letras galegas a Antonio Fernández Morales.

O 25 de xaneiro de 2006 a Real Academia Galega recibiu en Ponferrada o II Premio Xarmenta en defensa da lingua e da cultura do Bierzo.
Perante un auditorio ateigado de bercianos e galegos, e logo do pedimento do alcalde de Cacabelos, o presidente da RAG, D. Xosé Ramón Barreiro Fernández, comprometeuse publicamente a que antes de rematar o seu mandato faría o posible
para que un ano das Letras Galegas fose dedicado, con toda xustiza, ao gran poeta berciano Antonio Fernández Morales.

Foi aquela unha xornada moi feliz para as persoas e asociacións que levan décadas traballando pola dignidade da nosa lingua galega nunhas condicións moi duras, practicamente coma na Galicia dos anos 1970. Esas persoas, aquel auditorio ateigado e moitas outras, esperan da RAG un xesto favorable e a resposta fraternal e solidaria a unha demanda de atención urxente.

A concesión das Letras Galegas a Fernández Morales serviría para descubrirlle á Galicia lingüística e cultural unha parte descoñecida de si mesma, para valorar e recoñecer xustamente un enorme poeta (á altura das nosas tres coroas poéticas do Rexurdimento) e para reforzar a autoestima e a identidade dobremente negada dos bercianos que queremos seguir sentíndonos orgullosos da nosa lingua, a galega.

Tres fitos sobranceiros alumean recentemente o camín por onde peregrina o galego do Bierzo, como tres fachos de esperanza na noite que aínda soportamos:
a) O acto solemne da RAG o 18 de maio de 2002 no Teatro Vilafranquino no ano das Letras dedicado a Martín Sarmiento (xusto o día que naceu o “Banquete de Cacabelos”).
b) A entrada en decembro de 2004 como académicos correspondentes da RAG de catro persoas que representaban cada un dos territorios exteriores á Galicia administrativa de lingua e cultura galegas, e que polo Bierzo supuxo a entrada na RAG do berciano Héctor Silveiro.
c) O premio Xarmenta 2006 que se lle entregou á RAG en mans do seu presidente, Xosé Ramón Barreiro, e a promesa pública que este fixo perante centos de persoas de traballar para que axiña un ano das Letras Galegas fose dedicado á figura enorme e ignota de Antonio Fernández Morales.

Coidamos desde o Bierzo que ese ano, ese tempo, por xustiza literaria cun autor magnífico, por fraternidade lingüística e por urxente necesidade do galego do Bierzo, ese tempo xa é chegado, polas seguintes razóns:

1.- Escribe en 1861, antes que Rosalía e có Albun de la Caridad unha inmensa obra en lingua galega.
2.- É equiparable ao labor de Pintos e non ten en absoluto menor valor literario que moitas outras figuras do noso Rexurdimento.
3.- Foi un militar ilustrado, progresista e liberal, masón e republicano, que bebeu
das mesmas fontes ideolóxicas có noso Rexurdimento.
4.- A súa obra é un retrato preciso e precioso da vida, lingua e cultura do Bierzo no século XIX, perfectamente equiparable á Galicia coetánea.
5.- A riqueza lingüística e antropolóxica da súa obra é admirable.
6.- Rehabilitando Morales, a RAG contribúe á nobre causa da dignificación da lingua galega no Bierzo, onde o galego sobrevive baixo mínimos e onde se traballa pola conservación das súas lingua e cultura, que tamén son as nosas.
7.- Lembrando Morales, a RAG cumpre co estipulado nos seus estatutos verbo das franxas exteriores, contribúe a alicerzar a autoestima dos falantes destas zonas e de paso reforza tamén a autoestima e o orgullo do galego en Galicia (que falta fai nestes tempos).

Por todo isto, solicitamos que Fernández Morales sexa o persoeiro
homenaxeado nas Letras Galegas do ano 2010


BIBLIOGRAFÍA DE e SOBRE

ANTONIO FERNÁNDEZ MORALES




BIBLIOGRAFÍA



Álvarez Blanco, R. (1996): “Na estrema do galego: a lingua do Bierzo baixo transmitida por Fernández Morales”, en R. Lorenzo (ed.) Homenaxe á Profesora Pilar Vázquez Cuesta. Santiago: USC [reeditado en Fernández y Morales 2003, pp. 49-108].
Álvarez Pousa, C./ Costas González, X.H. (2002): Escolma de poesía berciana en lingua galega (1860-1960). Santiago: Ed. Positivas.
Angueira Viturro, A. (2003a): “Ensayos poéticos en dialecto berciano”, n’A Trabe de Ouro 53, pp. 39-53.
Angueira Viturro, A. (2003b): “Achega literaria ós Ensayos poéticos en dialecto berciano”, en Fernández y Morales, A. (2003), pp. 29-47.
Balboa de Paz, J.A. (1995): “Liberales y progresistas en la literatura berciana”, en Revista de Estudios Bercianos 22, pp. 29-50.
Balboa de Paz, J.A. (2002): Antonio Fernández y Morales: antología poética. Cacabelos: Ayuntamiento de Cacabelos.

Fernández y Morales, A. (1861): Ensayos poéticos en dialecto berciano, por el Comandante de Infantería e Inspector Provincial de Estadística, D. Antonio Fernández y Morales, con una introducción sobre lenguas, dialectos, subdialectos y jergas en general, y el origen del berciano, lengua y dialectos castellanos y gallegos en particular, por D. Mariano Cubí y Soler, autor de varias obras filológicas, fundador de dos colegios literarios, y propagandista de la frenología en España. León: Establecimiento tipográfico de la Viuda e Hijos de Miñón.
Fernández y Morales, A. (2003): Ensayos poéticos en dialecto berciano. Ponferrada: Instituto de Estudios Bercianos [edición facsimilar con catro estudos introdutorios de J.A. Balboa de Paz, M. Gutiérrez Tuñón, A. Angueira Viturro e R. Álvarez Blanco].

Fernández de Rota, X.A., Fidalgo Santamariña, X.A. e González Reboredo, X.M. (coord) (1993): Actas do Simposio de Antropoloxía “Lindeiros da Galeguidade” II. Santiago: Consello da Cultura Galega.

González Reboredo, X.M. e Fernández de Rota, X.A. (coord) (1992): Actas do Simposio de Antropoloxía “Lindeiros da Galeguidade” I. Santiago: Consello da Cultura Galega.

Santamarina Fernández, A. (1996): “O Rexurdimento do XIX no galego do Bierzo”, en Actas da VI Xornada de Cultura e Lingua Galegas no Bierzo. Vilafranca do Bierzo: A.C. Escola de Gaitas.