jueves, 18 de marzo de 2010

FERNÁNDEZ MORALES NA 5ª ESCOLA FERMÍN PENZOL

O programa da 5ª Escola Fermín Penzol, unha iniciativa da Universidade de Vigo coa colaboración de diversas entidades bercianas este ano celebrouse de novo no Bierzo. Desenvolveuse como estaba previsto en tres lugares emblemáticos das terras bercianas: Ponferrada, Cacabelos e Vilafranca.
A primeira das Xornadas en Ponferrada centrada na figura de "Antonio Fernández Morales e a súa inserción no sistema literario galego", unha conferencia inaugural do poeta e profesor Anxo Angueira, un dos mellores coñecedores da obra literaria do poeta.
Acto seguido presentouse o número 4 da revista da asociación Xarmenta, presentación que realizou Ricardo López Témez.
Despois tivo lugar un brillante Recital poético sobre textos de Morales a cargo dos rapaces e rapazas dos IES de Ponferrada que cursan galego acompañados da música do Ensemble de saxos do Conservatorio desta mesma localidade. Podedes ver un resumo na crónica que realizou a cadea comarcal Bierzo TV, reportaxe na que se fai mención expresa do interese que os diversos entes que participaron ían deixando nas súas intervenciois: a idea de propoñer a fernández Morales para o Día das Letras Galegas do próximo 2011.

Rematou esta xornada no Teatro Bergidum cun magnífico monólogo de Quico Cadaval o coñecidísimo actor e director teatral que tamén ten unha longa, recoñecida e prestixiosa traxectoria como contador de acontecidos. Narrou no seu estilo habitual cargado de ironía e reflexión dende o sucedido cos presos na guerra na Illa de San Simón ata o mito de Edipo, memoria histórica e mitoloxía grega que cobraron vida a partir do entorno familiar da taberna que rexentaba a súa nai en Ribeira.

A segunda xornada trasladouse ao Teatro Vilafranquino e comezou, tras un saúdo de cortesía do Alcalde de Vilafranca, cunha Mesa redonda sobre os 8 anos do ensino do Galego no Bierzo e as Portelas mesa na que estiveron Rafa Adán de Xarmenta que en esencia describiu cal é o acordo entre a Xunta e a Junta e como se concreta en número de horas en Primaria e Secundaria, indicando o éxito que supuxo que hoxe contemos con máis de 1000 matriculados a este ensino de carácter voluntario. Alfonso Díaz, profesor de Lingua Galega do IES Europa fixo fincapé no terreo avanzado e tamén citou varias eivas como é o tema da falta de continuidade do profesorado que está realizando este programa coa conseguinte dificultade para os profesores que se incorporan ex novo ao mesmo. A continuación foi Héctor Silveiro, membro da Comisión Martín Sarmiento, que afondou na complexidade e pluralidade de iniciativas nas que se asentou a posta en marcha e o éxito do programa, a madurez que manifestou unha parte considerable das familias e rapaces que se apuntaron a esta oferta (no caso de Vilafranca é algo máis do 25% do alumnado do IES Padre Sarmiento) a pesar de certas trabas como a falta de información á hora de matricularse, a certa pasividade no seguimento da experiencia por parte das administraciois educativas implicadas e o valor que ten a profesionalidade dos profesores para superar ano tras ano o éxito deste programa. Falou a continuación a profesora Marta Louzao da demanda na Escola Oficial de Idiomas do Bierzo do idioma galego, por parte de ensinantes e profesionais da sanidade e tamén de persoas que con agarimo queren cultivarse no idioma dos seus maiores. Unha demanda que fai do galego o segundo idioma que se cursa e arredor de 80 solicitantes cada ano. Rematou esta Mesa coa intervención de Felipe Lubián, en calidade de alcalde de Lubián (Zamora) e, como dixo Rafa Adán, un dos impulsores de propostas no Parlamento de Castela e León sobre a introdución do galego tanto no Bierzo como nas Portelas, lugar este último ao que chegaría máis tarde a implantarse, despois de vencer tamén varios obstáculos que Felipe coa retranca que o caracteriza describiu sucintamente.
Tampouco faltou un recital poético de textos do poemario de Fernández Morales , presentados de novo por Anxo Angueira, que tamén recitou e estavez os rapaces e rapazas do IES Padre Sarmiento de Vilafranca, acompañados polo Ensemble de saxos do Conservatorio ponferradino. Ao rematar os asistentes ao acto desprazáronse a Cacabelos onde no cemiterio da Hedrada ante a tumba do poeta e militar fixéronse varias alocuciois e a Banda de Gaitas de Lubián interpretou varios temas na honra do autor dos “Ensayos poéticos en dialecto berciano” momento en que tamén se lembrou a figura do tristemente desaparecido gaiteiro Firme de Batribán.
Á tarde houbo outra Mesa redonda sobre o galego no Bierzo e os partidos políticos que foi precedida por una curiosa sorpresa da que daremos conta en próximas entradas, varias intervenciois de alumn@s da 2ª promoción de galego no Bierzo que deron a súa opinión sobre o porque escolleran no seu día esta opción. A mesa redonda á que estaban invitados todos os partidos con representación no Bierzo, asistiron Susana Carballo de IU, concelleira en Cacabelos e Iván Alonso polo Partido do Bierzo e tamén concelleiro en Ponferrada. Ademais participou en calidade de membro do grupo do PSOE en Castela e León, Felipe Lubián. Os participantes da mesa deron o seu apoio ao proceso de incorporación do galego nos centros de educación e volveron os seus ollos fundamentalmente cara o Consello Comarcal e a futura revisión da Lei da comarca onde debería estar explícito un apoio á lingua galega no Bierzo como lingua propia e riqueza patrimonial que nos identifica e singulariza, Finalmente saíu, como non podía ser doutro xeito, a reivindicación da garantía na recepción na comarca da TVG, tras do apagón analóxico e a importancia de reivindicar para o autor berciano Fernández Morales o próximo Día das Letras Galegas, ano 2011 cun dobre propósito o da difusión da súa obra fóra do Bierzo, en toda Galicia especialmente, e, por outra banda, a solicitude que aquí o noso Consello Comarcal na Lei da Comarca que se pensa aprobar no 2011 teña un recoñecemento como se debe a lingua que Fernández Morales utilizou ata facer súa, a lingua dunha boa parte dos bercianos.
Chegou finalmente a Conferencia sobre “ Frei Martín Sarmiento, Fernández Morales, Martínez Salazar, Fermín Penzol e outros arrainos” por parte de Henrique Costas coa que comezaba a recta final da 5ª Escola, non sen antes outorgar o II Premio Fermín Penzol deste ano ex aequo: a Marisa Cela, polo seu labor a prol da “música da lingua no Bierzo” e a Paco Martínez neste caso polo seu doce e consistente aporte a do “ mel da lingua no Bierzo”. Ambos falaron, Marisa facendo extensivo o premio aos seus compañeir@s da Escola de Gaitas de Vilafranca e Paco reivindicou a ausencia de fronteiras entre Valdeorras e O Bierzo, como el sempre di “o antigo Marquesado de Villafranca”. Fixo entrega dos diplomas acreditativos o profesor Henrique Costas que a continuación pronunciou a conferencia antedita.
Desculpado a non asistencia por motivos de saúde de Pablo Carpintero, foi Anxo Pintos quen realizou o concerto didáctico sobre a Zanfona co que se concluía esta edición da 5ª Escola Fermín Penzol. Anxo Pintos que pasa por ser un dos mellores instrumentistas , compositor de grande sona e recoñecido mestre deste instrumento fixo un repaso da historia da zanfona ilustrado con numerosas intervenciois: cantigas de Santa María, música do Barroco, composiciois modernas, de autores europeos e de autores galegos como Antón Seoane a a supercoñecida “ A bruxa” e rematou cun tema de creación propia, en parte musicado e gravado en traballos de Berrogüetto, a petición do entregado público que enchía o teatro.

No hay comentarios:

Publicar un comentario